Cantareiras Madia Leva (Meis)

QUEN SOMOS?

    No verán de 2010 comeza a xuntarse un grupo de mulleres admiradoras da música galega de raíz festeira. Axiña se decataron da necesidade de contar cunha mestra profesional que perfeccionase a súa técnica e dese cor ás súas voces, dispoñéndoas axeitadamente. Para conseguir a harmonía, ben deitaron de Mercedes Tilve, directora de sete formacións corais na provincia de Pontevedra e coñecida de todas elas, que se encargará de realizar todos os arranxos vocais das pezas que o grupo interpreta; unha mestra de pandeireta e un afamado mestre de percusión serán os iniciadores da formación instrumental de todas elas. 
      As Cantareiras Madia Leva actúan por primeira vez durante a “I Feira Labrega” do Mosteiro (Meis, Pontevedra) ese mesmo ano e dous meses despois son convidadas a San Miguel de Reinante, na Mariña de Lugo, para participaren na xornada reivindicativa “Máis talento e menos cemento”, contra a especulación urbanística da zona. Durante 2011 e 2012, cantan en festas, seráns, romarías, festivais ou encontros das Rías Baixas; mais a súa presentación oficial será no Auditorio de Ribadumia. Dende aquela, sucédense as súas intervencións por toda a provincia e tamén pola de Ourense, lugar no que alcumaron ás Cantareiras Madia Leva como “a nova picaresca galega”. 
     Estas mulleres inspíranse nas fontes do canto tradicional galego, fundamentado desde as súas orixes na voz feminina; outras veces botan man do Cancioneiro de Casto Sampedro; e tamén recrean pezas de formacións máis actuais e míticas. O dominio da percusión popular, coa utilización de pandeiretas, bombo, pandeiro, tarrañolas, cunchas e culleres é hoxe unha das súas metas; a segunda vén sendo a composición propia de letras e músicas (cos correspondentes arranxos) cuxo resultado final trasladaron ao público en forma de CD(grabado en Casa de Tolos).
    Achegan para este evento dous temas: a tradicional “Ruada de Chamosa” e “Augas”, unha das súas pezas orixinais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario